A piques de cumprirse o cabodano do pasamento de Henrique Harguindey Banet, diversas entidades sociais de Cangas traballan para darlle o recoñecemento oficial que merece. Á cabeza, a Asociación Cívico Cultural Xiria promove e recaba o apoio doutros colectivos veciñais, culturais, musicais ou teatrais para dirixir ao Pleno do Concello a solicitude de nomeamento de fillo adoptivo e que unha rúa leve o seu nome. «Facémolo porque o seu traballo a prol da vila e do pobo de Cangas é grande e, ao noso xuízo, merecente dese recoñecemento», indican os promotores da iniciativa. Recalcan que «os méritos de Harguindey van desde o político ao social e ao cultural», e «desde a súa chegada o seu afán de integrarse e aportar ao progreso de Cangas son notorios». Esta mesma semana formalizarán os trámites para que as distincións se concedan ao longo de 2026.