Roberto Vilar, a Jesús Janeiro: «Ímoste converter no Jesulín de Tomiño»

A miña gran cidade. Corazón galego baixa esta noite (TVG, ás 22.50 horas) ata a comarca do Baixo Miño cun reto tan interesante como curioso: galeguizar a Jesulín de Ubrique. O encargado de guialo nesta inmersión é Roberto Vilar, anfitrión e motor da experiencia, que xa lle avisa dende o primeiro minuto do que lle espera: «Basicamente vas comer e beber». E tamén algo máis: «Téñoche preparadas cousas especiais, bonitas». O ton é distendido, retranqueiro e moi de país. Roberto teno claro: «Ímoste converter en Jesulín de Tomiño». E o gaditano entra ao xogo sen problema.