Os Trubincos, o Demo Asubiador e outros seres mitolóxicos do Nadal galego

Na chegada da Noiteboa cómpre agudizar os sentidos en Galicia e, moi especialmente, deberían ficar atentas ás súas chemineas as persoas que habiten fogares situados no rural de Pontevedra, pois é probable que nesta data tan sinalada reciban unha visita que provoque o caos pola casa adiante. Disque tras as ditas falcatruadas non se agocha ese elfo vestido de vermello que na actualidade inunda as redes sociais e que nos últimos anos foi incorporado con total naturalidade por moitas familias con crianzas, senón que os artífices da desorde levan o selo dos denominados Trubincos, un tipo de trasno propio da comunidade galega que aproveita a noite do 24 de decembro para coarse polas chemineas e facer das súas, agás que os donos da vivenda estean alerta, claro, pois existe un truco ben sinxelo para escorrentalos: basta con ter apañadas previamente unhas piñas con resina ou «brea» e prendelas na lareira ou no lume, un rito ben efectivo co que se calman e liscan por onde viñeron.