Sobrenaturalizar a alteridade dende a poesía

«A ver como afrontamos esta morte que é dicir as cousas/ nomear a deus está completamente permitido/ pero é arduo/ como dicir familia sen violencia/ ou gorxa sen canción/ ou mastigar sen dentes/ como dicir amor/ sen someter coa languideza da cursiva/ os apelidos recónditos en chamas/ á chama inquisitoria do fogar (...) porque unha morte dura o que a desposesión/ a morte dura desde o primeiro dente que perdemos/ ata que unha meniña se pregunta/ como se chamaba a nai da nai da nai da nai da súa nai/ e non existe resposta». Escribe así Branca Trigo no seu último poemario, «Mundo Carne», versos acompañados de potentes ilustracións da artista Octavia Russo que practicamente viron a luz á par que a primeira antoloxía poética da autora viguesa, publicada en lingua galega e castelán en Eolas Ediciones, «Vomitei deus».