O ilustrador e guionista Miguel Pérez Ramudo vén de publicar Castelao en Pontevedra (1916-1936), unha nova banda deseñada que percorre vinte anos clave da vida persoal, artística e política de Castelao na capital do Lérez. A obra está editada por Almacén de Fábulas para o Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. O cómic, de 64 páxinas e en tapa dura, pode adquirirse por 20 euros no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A publicación preséntase como un diario no que o propio Castelao guía ao lector a través da súa voz interior polos momentos máis relevantes da súa traxectoria entre 1916 e 1936. Ao longo das páxinas, aparecen tamén figuras fundamentais da cultura galega da época, como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez ou Alexandre Bóveda, que axudan a contextualizar o ambiente intelectual e o compromiso dunha xeración coa identidade e o patrimonio de Galicia. A banda deseñada recolle episodios decisivos da biografía de Castelao, como a Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, a súa viaxe por Francia, Bélxica e Alemaña en 1921, a morte do seu fillo en 1928, a publicación do álbum Nós en 1931, o desterro en Badajoz en 1934 ou os acontecementos de 1936, coa súa elección como deputado pola Fronte Popular, a campaña e aprobación do Estatuto de Galicia e o inicio da Guerra Civil, que o levou ao exilio. O libro destaca tamén polo seu coidado apartado visual, con viñetas que recrean obras do propio Castelao e incorporan fotografías da súa vida, xunto cun amplo fondo de imaxes de arquivo: paisaxes rurais, rúas e prazas, carteis e escenas da vida cotiá da época. Miguel Pérez Ramudo, natural de Cambados, conta cunha ampla traxectoria na adaptación a banda deseñada de biografías da cultura galega. En 2020 obtivo o primeiro premio Xuventude Crea na categoría de cómic por Joaquín Vaamonde (1871-1900). Unha promesa truncada da Xeración Doente e é tamén autor de Ricardo Carvalho Calero. Unha biografía en viñetas (Lela Edicións, 2020).