Unha sinfonía de madeiras das catro provincias

Ciprés para a tapa, chopo no fondo, castiñeiro para os aros, mais piñeiro de Oregón plantado en Galicia para os contraaros, cerdeira para o mango, teixo para as pestanas inferior e superior e, por último, ciroleira para o diapasón. Resoa así a sinfonía de madeiras procedentes das catro provincias galegas que pasaron polas mans do lutier Adrián M. Pereiro para construír un violonchelo que é moito máis ca un instrumento, pois a súa ensamblaxe garda tamén historias de vidas de persoas con impacto cultural, artístico, económico e humano na comunidade galega.