O círculo da vida literaria de Xosé Ruibal, nacido en 1925, recibiu un novo impulso no seu centenario co descubrimento e publicación dunha novela en galego, Triquiñóns , que de editarse cando foi escrita, sería a primeira que se ocuparía en galego do acontecer histórico do primeiro franquismo na Galiza. Escrita en 1956 na emigración bonaerense, estivo nas mans de Luís Seoane para ser publicada, mais non foi posíbel. A edición de 2025 fíxose coincidir cunha grande exposición no Museo de Pontevedra que rescata definitivamente a figura cosmopolita de Ruibal, un recoñecido autor teatral con grande éxito nos Estados Unidos, e que sendo protagonista tamén na política clandestina do Partido Comunista e moi valorado como dramaturgo en Madrid, perdeuse inxustamente nos novos aires culturais da transición política española logo da morte de Franco.