A parroquia estradense de Soutolongo recuperou o pasado ano a súa histórica Festa do Mexilón tras máis dunha década de parón. A cita regresou ao calendario festivo case como unha proba, impulsada pola iniciativa dun pequeno grupo de veciños, pero a resposta superou as expectativas iniciais. O sabor de boca –nunca mellor dito– desta primeira convocatoria foi claramente positivo, o que levou á comisión de festas, creada de maneira improvisada, a coller de novo as rendas da organización. Este ano, ademais do atractivo gastronómico, a celebración incorpora un reclamo singular que busca chamar a atención máis alá do ámbito local: o sorteo dun Mercedes Clase A AMG de ocasión.