O mundo imaxinario

Hai varias teorías que explican a orixe da tradición de comer as uvas na noite do 31 de decembro para despedir o ano. A máis estendida defende que a causa foi un excedente que tivo lugar en España no 1909. O xeito que atoparon os viticultores de dar saída a toda a cantidade de froita foi inventar o concepto de uvas da sorte e comercializalas en paquetes de doce, unha por cada mes do ano. Toda unha operación de éxito que se perpetuou como unha maneira de procurar a sorte do ano que empeza. Unha uva por cada badalada, por cada mes, para cumprir os desexos antes de brindar. En países coma Ecuador ou Colombia queiman bonecos que lembran o noso meco de Entroido. Os bonecos foron personalizándose ata representar personaxes públicos ou eventos que marcaron o ano que remata. A queima simboliza un ritual de purificación e renovación. O peche definitivo do que marcha para darlle a benvida ao novo comezo. En Italia cean lentellas na procura da prosperidade económica; en Dinamarca escachan pratos contra as portas de familiares e persoas queridas coma un símbolo de boa sorte e de perpetuar a amizade -unha tradición que ten as súas raíces na Idade Media, onde se consideraba que os pratos rotos afastaban os malos espíritos-; en Porto Rico tiran cubos de auga pola fiestra simbolizando unha especie de limpeza das malas experiencias do ano que remata; en Xapón fan repenicar cento oito badaladas nos seus templos para purificar os cento oito desexos mundanos, conforme á tradición budista (Joya no Kane). Non é un número escollido de xeito aleatorio. O budismo considera que o ser humano está sometido a cento oito desexos ou paixóns que provocan un grande sufrimento (o afán de poder, a codicia, a ignorancia, a hipocrisía, os ciúmes…); en México varren as casas de dentro cara a fóra para limpar o malo (costume que conecta con Galicia); en Grecia penduran cebolas nas portas principais dos fogares e espertan con eles as crianzas polo día de Aninovo, polo convencemento de que a cebola protexe as casas dos malos espíritos e atraen a boa sorte.