A última fornada de Carmen e Avelino logo de 75 anos

O forno está apagado, o mostrador baleiro e a porta pechada por primeira vez en décadas. Despois de 75 anos espertando á vila co recendo do pan que se acababa de facer, os fornos da Panadería Ribela de Forcarei apagáronse o pasado 31 de decembro. Á fronte, dous loitadores, Carmen Fernández, de 80 anos, e Avelino Rodríguez, de 79. Un matrimonio que non entende de domingos libres, pero si de amor polo oficio.