Esta páxina comeza a activar o seu reloxo interior neste intre, e o acto íntimo de cada lector que se incorpora e se detén nas frases pon o contador a cero. Pode sentirse a vida das palabras baixo os dedos, no papel ou sobre a pantalla, aínda que a conexión máis especial, o intenso vencello entre o autor e o lector, xerado por medio dunha forza máxica, só se produce coa folla que ten entre as mans. Vostede pode constatar agora a importancia da presentación, do deseño e da estrutura, da tipografía e das cores. O formato loita contra as urxencias que pesan na actualidade, e teima por resistir a corrente do efémero, do rápido esquecemento. O remate é un feito inesperado a estas alturas do texto, cando o que resta por escribir é impredicible e aínda non se albisca unha saída. Sucede o que conta Ricardo Colmenero nun dos artigos do seu libro Literatura infiel, editado por Círculo de Tiza. «A veces no sabes de qué va a ir tu columna hasta que llevas un buen rato escribiendo (...) no nacen de repente (...). Surgen las ideas, o una idea, o una frase con la que podrías iniciar una conversación contigo mismo».