«É un proxecto de fusión de música tradicional galega, porque levo toda a vida dedicada á recuperación e á ensinanza destas músicas, xunto co dúo de jazz Sekadra, integrado por Paulo Silva e Arturo Rúa, e no que incorporamos sons máis contemporáneos como o jazz, o pop e outras músicas». Con estas palabras define a pandeireteira, recompiladora e intérprete viguesa Leni Pérez as características do seu novo disco, «Xa non ten ferriñas», que este venres verá a luz e que presentará oficialmente o vindeiro 7 de marzo nun concerto exclusivo na terceira edición da foliada O son da Rebullón, na sala Rebullón (Mos), ás 20.00 horas.