A novela sen cancelas: Manuel Darriba, Eva Moreda e Emma Pedreira

Cando se inicia unha nova sección nun suplemento literario cómpre dar algunhas explicacións sobre a súa xenealoxía e obxectivos. Esta «Tendencias da narrativa galega actual», que se irá publicando no FARO DA CULTURA nos próximos meses, toma como referencia os primeiros vinte e cinco anos do século XXI para intentar facer un mapa subxectivo de camiños e pousas da escrita literaria autóctona. Non pretende ser esta unha sección de catalogación minuciosa, senón unha invitación á lectura e relectura de títulos e autores que coido deberan formar parte da biblioteca galega contemporánea imprescindible.