CCOO Galicia entregan os Premios 10 de Marzo a Samuel Kwesi, a maxistrada Paz Filgueira e o sindicalista Xosé Lamela: «Representan a dignidade do pobo galego»

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación entregaron este sábado en Santiago os Premios 10 de Marzo, que neste 2026 chegan á súa 35.ª edición, ao mariñeiro Samuel Kwesi Koufie, á maxistrada Paz Filgueira Fernández e ao dirixente sindical Xosé Lamela Cacheiro. A secretaria xeral, Amelia Pérez, gabou as súas traxectorias e dixo deles que representan a dignidade dun pobo, o galego, «que nunca deixa de loitar». «Mentres haxa persoas coma estas, mentres haxa quen erga a súa voz, seguiremos construíndo unha Galicia máis xusta», engadiu.