O fútbol feminino: unha longa andadura no tempo (I)

Historicamente contrastado, consta que o primeiro partido de fútbol xogado entre mulleres tivo lugar na cidade escocesa de Glasgow no ano 1892, mais o primeiro equipo femenino de fútbol, constituído como tal, foi o British Ladies Football Club do Reino Unido, fundado en 1895 co apoio da escritora e aristócrata escocesa Lady Florence Caroline Dixie. Porén, en España, habería que agardar ata o 9 de xuño de 1914 para que se celebrase en Barcelona ás cinco e cuarto da tarde no estadio do RCD Espanyol o primeiro partido de fútbol feminino. Foi un partido benéfico para recadar fondos para a Federación Femenina contra a Tuberculose e as xogadoras dun equipo chamado Spanish Girl’s Club fixeron dous equipos, denominados Montserrat e Giralda, quizais aludindo á procedencia das súas compoñentes, catalás e andaluzas.