O Salón do Libro de Pontevedra colleu onte velocidade de cruceiro e fíxoo como mellor sabe, convertendo o Pazo da Cultura e o recinto feiral nun ir e vir continuo de crianzas, nais, pais e avoas, entre carreiras pequenas, mochilas ás costas e ollos moi abertos diante de cada proposta. O lema desta edición, «Que non pare a música!», sentiuse desde primeira hora nunha xornada moi animada, desas nas que custa atopar un recuncho sen vida.