A emigración é sempre un drama. Primeiramente para aquelas persoas obrigadas pola miseria e as necesidades económicas a abandonar a súa terra cara a un destino descoñecido, onde maioritariamente desenvolven a súa vida en condicións de máxima precariedade e na maior parte rematan por fracasar respecto aos seus obxectivos iniciais. Mais tamén para o país de orixe dos emigrantes, obrigado a expulsar unha parte substantiva da súa poboación máis dinámica e privado dun continxente humano esencial para o seu desenvolvemento.