O nome de Miriam Reyes vén de incorporarse esta semana a unha listaxe de autores galegos e galegas que dende hai 30 anos veñen acadando coas súas respectivas obras poéticas galardóns convocados polo Ministerio de Cultura como o Premio Nacional de Poesía, o «Miguel Hernández» e mesmo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Se ben o primeiro Premio Nacional de Poesía chegou en 1993 da man de José Ángel Valente, quen repetiu en 2001, non foi até 2013 que o Estado español concedeu este recoñecemento a un poemario escrito en galego. Con «Os ángulos da brasa», Manuel Álvarez Torneiro abriu unha senda que continuou Gonzalo Hermo con Premio Nacional de Poesía «Miguel Hernández» en 2015 por «Celebración», o poeta vigués Antonio García Teijeiro logrando facerse en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil co poemario «Poemar o mar», e Pilar Pallarés en 2019 co Premio Nacional de Poesía con «Tempo fósil».