Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo anunciaron hoxe, un día despois de que o BNG aprobara no seo da Mancomunidade, co apoio do PSOE, a suba da taxa do lixo nos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, que emprenderá todas as accións políticas e sociais que estean na súa man contra a “suba brutal” do tributo pola recollida de residuos urbanos e que defenderá aos veciños “ata as últimas consecuencias” para tratar de deter o asalto aos seus petos, especialmente gravoso no caso dos comercios, negocios, pemes e autónomos. Os populares aseguraron que esgotarán todas as vías posibles para tentar frear o “taxazo do BNG” coa presentación de alegacións, novas mocións ante os plenos, asesoramento aos veciños e calquera outra iniciativa de índole política, administrativa e social, xa que consideran “totalmente fóra da realidade” que se dupliquen o tributo das vivendas ou que haxa cafeterías que vaian a pagar ata 1.200 euros, comercios ata 1.700 ou restaurantes máis de 2.000. “O Bloque non debe escoitar aos veciños nos supermercados, porque a moitos lles custa chegar a final de mes, e tampouco debe saber o traballo que hai que facer para sacar un negocio adiante, polo que non pode aprobar unilateralmente este sablazo, sen diálogo ningún, porque a moitos comercios ou bares pretenden cobrarlles polo lixo o salario mensual dunha persoa e ademais aplicando, sen previo aviso, subas que mutiplican ata por cinco ou seis a taxa actual”, sinalaron os voceiros do PP, Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.