No ano 1926 ve a luz Las aventuras del príncipe Achmed, da directora Lotte Reiniger. Inspirada en diferentes pasaxes de As mil e unha noites, é a película máis antiga de animación que se conserva e a primeira producida en Europa. Reiniger foi pioneira na técnica de animación con siluetas. Recortaba figuras e colocábaas baixo a cámara para provocar xogos de sombras. O pasado martes, Caspervek protagonizaba o concerto inaugural do HematoFesti, musicando en directo o filme de Lotte Reiniger. O clima de intimidade, de sorpresa e de fascinación que creou a banda viguesa no auditorio do Concello de Vigo, mentres os xogos de sombras de príncipes, bruxos e cabalos desfilaban pola pantalla, marcou a tónica da segunda edición do festival. Outro momento que para min foi revelador tivo lugar no segundo día, nun instante en que tiven ocasión de achegarme ás persoas que gañaron unha praza para a Residencia de Comedia con Ignatius Farray. «Somos moi afortunadas de estar aquí», confesou unha delas, cos ollos brillantes. «E se nos tocou a nós, ten que ser por algo». Cada un deses artistas (tres mulleres e dous homes, todos con formación en artes escénicas) pasaron varios días aloxados no Hotel Bahía e asistiron a diferentes obradoiros no Café Vitruvia, con profesionais da comedia e do teatro coma Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Paula Carballeira ou o propio Ignatius Farray. Este último guiounos cara unha sesión de micro aberto que tivo lugar o venres. É difícil ter unha perspectiva global dun festival repartido en tantos anacos de diferentes disciplinas e en tantos lugares: dezasete espazos da cidade, 14 obradoiros de creación artística con 270 prazas de balde. Gustábame ver como o equipo se dividía para estar sempre presente nas actividades e poder palpar o pulso de cada obradoiro (xoguetes ópticos, fanzines, debuxo chiflado, kamishibai, tecido e fío...), de cada sesións de contos, de cada presentación, de cada charla. O luns á noite, xusto na xornada previa ao arranque do Hematofesti, varias persoas do equipo pasaban correndo polo Berbés transportando dinosauros pixelados de cartón (a mascota desta edición do HematoFesti, unha clara homenaxe ao Dinoseto de Alberto Vázquez) e as lonas de cor rosa neon que estiveron repartidas pola cidade, nos espazos colaboradores. Observeinos mentres ao fondo escintilaba a pantalla xigante do Centro Comercial A Laxe e se materializaba unha imaxe onde aparecían algunhas das participantes na xornada de Economía e Cultura que tería lugar días máis tarde no auditorio do Consorcio da Zona Franca: Luz Casal, X.A. Touriñán, Alberto Vázquez, Lucía Aldao ou Yolanda Castaño. Nese momento, entre pantallas de neon, dinosetos pixelados, moquetas brillantes e un ceo que ameazaba chuvia, pensei en que nisto da cultura é preciso sempre ter un punto de inconsciencia para atreverse e para que todo saia ben. Sacamos adiante unha especie de directo de cinco días de duración, con tantas persoas e tantas sensibilidades cruzándose unhas coas outras, que o evento ía mudando de temperatura en función do lugar en que estivésemos e do que estivese ocorrendo. É difícil destacar momentos, pero eu gardo coma un tesouro o de Manuel Bragado lendo o discurso memorable que lle dedicou a Teresa Rabal, xusto antes de entregarlle o Premio Lenda do Recreo.