Non ten acostumado a marchar Ismael Martínez González nos seus 43 anos recén cumpridos. Xogador de poucos equipos, esencialmente o seu Frigoríficos natal, e adestrador de poucos clubes. Deste Porriño ó que ten consolidado entre os grandes do balonmán feminino. Daquel Novás ó que ascendeu a Prata e mantivo. Ás veces, para saber como foi unha estadía, compre estudar o adeus. Despedido por todos entre apertas no Rosal. Onte, na Louriña, ó carón dun presidente coa alma esnaquizada pola dor. Nunca marcha Isma, non de todo. Quedan os recordos que esparexeu e os afectos que colleitou. «Este club é todo para min», expresou emocionado. Abel Estévez desexoulle «o mellor no seu futuro» en xusta contraprestación: «Isma fixo feliz a moitísima xente e sobre todo a min».