FARO de emocións e lembranzas, por Xesús Alonso Montero

A miña vida de filólogo e de colaborador nas páxinas literarias dos xornais está moi vencellada a FARO DE VIGO. Nesas páxinas publiquei centos de artigos en dúas seccións para min moi importantes: «A eira das palabras» (1980-1982) e «No eido da palabra» (1983-86). Eran os tempos en que dirixía o FARO o meu exalumno José Francisco Armesto Faginas, unha das mellores persoas de Europa e un excelente periodista e biógrafo (mágoa que aínda estea inédita a súa biografía de Fraga Iribarne!). Na época do gran Armesto Faginas publiquei, por entregas, en edición bilingüe, o libro Decálogo da lingua galega (1986). Hoxe, tantos anos despois, o profesor Xosé Ramón Pena solicita de min algún que outro artigo para ese magnífico suplemento literario que el dirixe, Faro da Cultura, que só beizóns merece no semiermo da prensa literaria galega.