Morre aos 97 anos Xesús Alonso Montero, grande referente da cultura e as letras galegas

O escritor, filólogo, docente e académico Xesús Alonso Montero faleceu este xoves en Vigo, a súa cidade natal, aos 97 anos de idade. Considerado unha figura central na cultura e a literatura galega, foi membro numerario da Real Academia Galega (RAG) desde 1993, entidade que ademais presidiu entre os anos 2013 e 2017. Titulado en 1953 pola Universidade Central de Madrid, doutorouse posteriormente na Universidade de Salamanca cunha tese sobre a lingua e o estilo de Curros Enríquez. Exerceu a docencia tanto no ensino medio como no universitario, e no ano 1991 gañou a cátedra de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. No seu labor como investigador, Alonso Montero foi un pioneiro no eido da sociolingüística aplicada ao caso galego. O seu compromiso cívico e político, militante do PCE desde 1962, custoulle varios episodios de represión durante a ditadura, un feito que tamén marcou algunhas das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio. A súa faceta como biógrafo foi extensa, e investigou a vida e obra de numerosos autores fundamentais como Luís Seoane, Lorenzo Varela, Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Rosalía de Castro ou Otero Pedrayo. Tamén dedicou especial atención a poetas alófonos en lingua galega, como Federico García Lorca ou María Victoria Moreno, e a escritores en castelán, catalán e portugués. Outro dos seus grandes campos de estudo foi a poesía popular de tradición oral, incluída a lírica medieval e a dos séculos escuros. Máis aló do seu traballo como analista, cultivou as letras como ensaísta, narrador, poeta e dramaturgo, ademais de exercer como xornalista, o que o converteu nunha cabeza visible das letras galegas durante o seu mandato á fronte da RAG.