Estabamos tan afeitos á súa presenza, sempre irradiando vitalidade, folgos e entusiasmo, que nunca pensabamos que un día nos ía deixar. A verdade é que el tampouco contaba moito con iso. Cando o homenaxeamos co gallo do seu 90 aniversario, comprometeuse a vir á Facultade de Filoloxía a disertar sobre Martin Sarmiento para celebrar os seus 100 anos. Todas as persoas que o escoitabamos engaioladas polo seu verbo, abraiadas pola súa enerxía, demos por certo que así sería. Mais, lamentablemente, non será. Xesús Alonso Montero partiu aos 97 anos, privando a cultura galega dun dos seus referentes vivos máis brillantes e tamén máis necesarios. Váisenos un intelectual sobranceiro, entre os máis significativos de Galicia da segunda metade do século pasado e o primeiro cuarto do presente. Váisenos tamén un compañeiro imprescindible, sempre disposto a servir o ben común, que, facendo un enorme sacrificio persoal, soubo tomar o temón da Real Academia Galega nun momento extraordinariamente difícil e levar a nave a bo porto.