Collector
Giriş Yap
Tres de cada dez parcelas con risco de incendio en Galicia están aínda sen rozar: "Son moitas" | Collector
Tres de cada dez parcelas con risco de incendio en Galicia están aínda sen rozar:

Tres de cada dez parcelas con risco de incendio en Galicia están aínda sen rozar: "Son moitas"

A Xunta de Galicia vén de comezar as inspeccións das franxas secundarias de protección contra incendios, logo de que o prazo para a súa limpeza rematase o pasado 31 de maio. O subdirector xeral de Prevención de Incendios, David Prieto, explicou nunha entrevista en COPE Galicia que, aínda que a experiencia de anos anteriores amosa que un 70% das parcelas adoitan estar xestionadas a estas alturas do ano, o 30% restante supón "unha cifra moi elevada". Prieto advirte do perigo, xa que esa porcentaxe supón unhas "seiscentas mil"  parcelas sen limpar que poden poñer en risco as zonas habitadas. Prieto salienta que "a concienciación vai entrando cada vez máis na sociedade", pero insiste na importancia de non relaxarse: a prevención, recorda, "empeza na nosa propia finca". Os propietarios que non cumpran coa súa obriga enfróntanse a sancións que van dos 100 aos 1.000 euros. O procedemento iníciase coas inspeccións municipais, aínda que a Xunta colabora a través dun convenio coa empresa pública Seaga,  un acordo ao que se teñen sumado a estas alturas do ano a meirande parte dos concellos galegos. Unha vez detectado un incumprimento, notifícase ao propietario, que dispón de 15 días para executar a limpeza. Se o dono é descoñecido, a notificación publícase nos diarios oficiais para poder proceder á execución subsidiaria. Para Prieto, a loita contra o lume é unha "corresponsabilidade entre propietarios, administración local e autonómica". "Debemos vernos como unha cadea na que se cada elo é forte, a cadea será máis forte", afirma, para así reducir os riscos de incendio. Este ano, unha das novidades é o incremento das chamadas parroquias priorizadas, cuxo número aumentou de 157 a 276. Trátase de zonas seleccionadas por criterios como estar afectadas por grandes lumes en anos pasados. Nestes lugares, refórzanse as accións de prevención e ofrécense facilidades aos propietarios para garantir a limpeza, como a posibilidade de contratar a xestión da parcela con Seaga por 420 euros a hectárea. A que temos por diante é a primeira campaña tralo peor verán en Galicia canto a lumes, con preto de 120.000 hectareas arrasadas sobre todo na provincia de Ourense. Prieto salienta os traballos de restauración que se están a levar a cabo nas zonas máis afectadas. Nestas áreas estanse a aplicar dende hai meses técnicas como o "acolchado con palla" para evitar a erosión do solo e controlar a escorrentía. A Xunta anunciou no plan para a loita contra o lume neste 2026 o  aumento do número de cámaras para vixiar máis superficie, 241 en total para que os efectivos teñan imaxe de  111 puntos, e empregarase intelixencia artificial para a detección. A partir do 1 de xullo, día de inicio oficial da campaña de lumes, comezará a funcionar unha nova app para móbiles que permitirá á cidadanía advertir da presencia dun incendio que se poderá xeolocalizar e mesmo mandar unha fotografía de xeito sinxelo. Será unha ferramenta complementaria aos teléfonos de aviso que xa veñen funcionando: o 085 e o 112.

Go to News Site