Collector
Unicef alerta dos riscos dixitais na mocidade galega: do malestar emocional ao consumo de porno | Collector
Unicef alerta dos riscos dixitais na mocidade galega: do malestar emocional ao consumo de porno
COPE

Unicef alerta dos riscos dixitais na mocidade galega: do malestar emocional ao consumo de porno

Se houbese que poñer unha nota ao benestar dixital da infancia e a adolescencia en Galicia, claramente sería un  "necesita mellorar". Así o conclúe o último informe de UNICEF, elaborado a partir dunha mostra de 3.400 mozos e mozas galegos, que arroxa datos preocupantes sobre o uso que fan das ferramentas dixitais. A coordinadora da organización en Galicia, Irene Marín, subliña a necesidade de "traballar de forma coordinada entre as administracións públicas, os centros educativos, as familias, a industria tecnolóxica e a propia rapazada". Isto, nun contexto no que, segundo revela o novo informe, 4 de cada dez alumnos de 5º e 6º de Primaria dispoñen de teléfono móbil propio e o 93% dos adolescentes que participaron na enquisa tiña cando menos unha rede social. Un dos datos máis alarmantes do estudo é que o 13,5% do alumnado presenta síntomas claros de malestar emocional, como ansiedade, depresión ou somatización. Este malestar ten a súa expresión máis grave no risco de conduta suicida, un indicador que afecta ao 7,6% dos estudantes galegos, unha cifra lixeiramente superior á media española (7,1%). A fenda de xénero é especialmente preocupante neste ámbito. Segundo Marín, o risco de suicidio é "máis do dobre entre rapazas que entre rapaces". De feito, agás no eido dos videoxogos, "son as rapazas as que saen peor paradas" en case todas as áreas analizadas. Por iso, desde UNICEF reclaman que todas as estratexias e plans teñan un enfoque de xénero e poñan o foco nas nenas e nos colectivos máis vulnerables. O informe tamén pon de manifesto o acceso temperán á pornografía. A idade media do primeiro contacto sitúase nos 11 anos, a mesma na que reciben o seu primeiro móbil. Un 27% dos alumnos galegos recoñece ter visto pornografía nalgunha ocasión, moitas veces de forma accidental. "A pornografía chega a eles, non é que eles a busquen", explica a coordinadora de UNICEF, quen advirte da dureza dos contidos actuais. "Contábanos un rapaz que estaba buscando contidos relacionados co Celta, e que aparecéulle directamente", lamenta Marín. Este consumo ten un impacto directo na percepción das relacións e na violencia dixital na parella, que sufriu máis do 30% dos adolescentes. Comportamentos como o control, a chantaxe ou a vixilancia dos móbiles son cada vez máis frecuentes. "O que os rapaces ven no porno cren que logo é o tipo de relación que teñen que ter", explica. Para reverter esta situación, UNICEF defende que "a responsabilidade é de todos". Piden a implicación da industria tecnolóxica para desenvolver algoritmos máis seguros e transparentes, pero tamén das administracións, os centros educativos e as familias. Proponse que a prevención dixital forme parte da atención primaria e que se capacite aos profesionais sanitarios e educativos. Son os propios mozos os que piden axuda para navegar nun contorno que non sempre comprenden. "Axudádenos neste camiño, nesta vía", reclamaban dous adolescentes na presentación do informe. Por iso, UNICEF insiste na importancia de promover a alfabetización dixital, crear espazos de desconexión e fomentar actividades culturais e deportivas, xa que "os rapaces deixaron de ler, deixaron de facer deporte, están totalmente enganchados ás pantallas". O estudo sinala unha notable diferenza con respecto a España no ámbito das apostas. Un 78% dos mozos galegos xogou en bares e cafetarías, fronte ao 56% da media nacional, e moitas veces sen que se lles pida o DNI. Aínda que o uso problemático é reducido, Marín considera preocupante este fácil acceso ao xogo físico desde idades temperás.

Go to News Site