Collector
  • X (Twitter)
Giriş Yap
O BNG arranca a precampaña en Lugo con Rubén Arroxo como candidato: "Imos a por todas" | Collector
O BNG arranca a precampaña en Lugo con Rubén Arroxo como candidato:

O BNG arranca a precampaña en Lugo con Rubén Arroxo como candidato: "Imos a por todas"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto público de presentación de Rubén Arroxo como candidato á Alcaldía de Lugo para as eleccións municipais de maio de 2027. Un acto no que se mostrou convencida de que nesa cita coas urnas a cidade vai abrir un tempo novo, de “optimismo e de ambición”, da man do partido nacionalista e co extenente de alcalde como alcalde. Pontón iniciou a súa intervención cun prognóstico claro: “Permitídeme que vós faga un prognostico con total convencemento: Dentro de once meses e trece días, Lugo fará historia, Lugo demostrará a súa dignidade apostando por un goberno liderado polo BNG con Rubén Arroxo como alcalde”. A portavoz nacional asegurou que o BNG está preparado para gobernar a cidade. A líder nacionalista alegou que a formación ten un tándem gañador: un candidato preparado con liderado e un proxecto de futuro. “Temos ao mellor candidato e temos o mellor proxecto para construír un Lugo en grande, e por iso imos a por todas, con humildade, pero tamén coa máxima ambición, a facer historia cun alcalde do BNG para abrir un tempo novo neste concello”, destacou. Pontón tamén puxo o foco na estabilidade, seriedade e rigor que o Bloque achegou á cidade, o que demostra “un compromiso claro e rotundo con Lugo”, en contraposición co feito por outras forzas políticas. “Nesta cidade houbo quen se presentou e ao cabo duns meses deu a espantada para Santiago, deixando un caos no seu partido que acabou como acabou”, indicou en clara alusión á exalcaldesa Lara Méndez. "Agora hai unha alcaldesa que chegou como chegou e só quere usar Lugo para a súa ambición política persoal”. Fronte a esa forma de actuar, Pontón defendeu que os veciños e veciñas teñen en Rubén Arroxo a unha persoa “que non quere servirse de Lugo, senón que quere servir a Lugo e isto marca a diferencia”. Proclamou que é “o alcalde que precisa este concello” porque está “máis preparado que nunca para liderar unha cidade que coñece como a palma da man” e porque “o seu único compromiso está con Lugo”. A líder nacionalista puxo en valor a “combinación gañadora” que presenta o Bloque, baseada no seu modelo municipal de éxito e na solvencia e rigor de Arroxo. Así, eloxiou o resultado das políticas do BNG desde o goberno que, grazas ao traballo do candidato e o seu equipo, impulsou un concello máis humano e seguro, deixando unha cidade máis cohesionada, cun comercio de proximidade vivo, unha transformación da mobilidade urbana e unha rica actividade cultural. “O BNG foi o auténtico motor de avance e transformación de Lugo e agora estamos preparadas para liderar esta cidade, con forzas renovadas cando dentro dun ano se celebren as eleccións municipais”, remarcou Pontón. Subliñou que o Bloque representa o cambio real e a verdadeira alternativa para todas as persoas que queren construír un “Lugo en grande”. A portavoz nacional reivindicou a política limpa e honesta do Bloque, pensada para o ben común, e dirixiuse á maioría social: “Non lles imos fallar, que temos un proxecto claro para construír un Lugo mellor no económico, no social e no cultural”. Resumiu que estarán “á súa altura para construír ese Lugo en grande que a veciñanza quere e merece”. Un “Lugo en grande”, explicou, significa mellores servizos públicos, un urbanismo para as persoas, inclusión e benestar social e vitalidade económica, social e cultural. “Esta cidade precisa un alcalde que a defenda por riba de calquera interese partidista, e ese alcalde é Rubén Arroxo”, concluíu.

Go to News Site