Collector
Galicia di basta ás agresións sanitarias e blinda por lei aos seus profesionais | Collector
Galicia di basta ás agresións sanitarias e blinda por lei aos seus profesionais
Cope Zaragoza

Galicia di basta ás agresións sanitarias e blinda por lei aos seus profesionais

Os profesionais sanitarios en Galicia, tanto os que desenvolven o seu labor en centros públicos coma nos privados, contan dende agora cunha maior protección fronte ás agresións. A recente reforma da Lei de Saúde de Galicia, aprobada no Parlamento galego sen votos en contra,  amplía o seu paraugas a novas formas de violencia e a colectivos ata agora desprotexidos, como os técnicos de emerxencias sanitarias e ademáis, endurece as sancións. A medida responde a unha realidade preocupante: só en 2025 rexistráronse 945 agresións a persoal do Sergas, case cen máis que o ano anterior tendo en conta datos da propia administración galega. Este incremento da tensión é palpable no día a día. "Vereite morto, sei onde vives, non tes nin p...idea: os profesionais non están denunciando estas situacións pero sí que se están cansando porque levan anos aguantando ... e non queren aguantar máis".  A que fala é Marta Dorribo, directora asistencial da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, unha das participantes no Especial Herrera en Cope Galicia no que  nos achegamos á nova lexislación.  Dorribo recoñeceu que, aínda que non sempre se denuncian, estes feitos deterioran a calidade asistencial e a seguridade dos profesionais. A nova norma non busca unicamente sancionar, senón abordar o problema de maneira integral. Segundo Alfonso Marnotes, vicesecretario xeral da Consellería de Sanidade, o proxecto recolle as demandas dos propios traballadores, creando mecanismos de prevención, información e sanción. "É un proxecto de lei integral, non está dirixido soamente a sancionar de maneira punitiva", subliña. Entre as súas principais novidades, a lei galega convértese na primeira de España en estender a protección aos técnicos de emerxencias sanitarias do 061, que traballan en contornas moi hostís e cambiantes, e ao persoal da sanidade privada, "a consulta do dentista, por exemplo". Ademais, recoñece como agresións a violencia psíquica e a dixital, como as gravacións non consentidas ou as descualificacións en redes sociais. "O dano que se pode facer en redes sociais pode ser brutal", advirte José Manuel Bendaña, do Colexio de Médicos de Ourense. Un dos eixos da reforma é a incorporación do "deber de respecto" da cidadanía cara aos profesionais. Para iso, poranse en marcha campañas informativas nos centros sanitarios. O obxectivo, segundo Dolores Lago, xefa de prevención de riscos laborais do SERGAS, está claro: "queremos prestar a nosa atención con respecto e, ao mesmo tempo, recibir ese respecto da cidadanía". As sancións por faltas de respecto ou insultos partirán dos 300 euros e poderán chegar aos 1.500€, ao aparecer tipificadas como faltas leves. Considéranse graves as ameazas ou o ciberacoso, de aí que a penalización neses casos pode chegar aos 3.000 euros. Dentro das moi graves contémplanse as agresións físicas, penalizadas con multas de 3.001 a 15.000 euros. A lei tamén reforza a capacidade do sistema para actuar cando a relación entre paciente e profesional se deteriora. Aínda que xa existía a posibilidade de cambiar de médico a un paciente, agora o Sergas poderá acordar o traslado de profesional ou mesmo de centro sanitario de forma inmediata tras a denuncia dunha agresión, restrinxindo o dereito de elección do paciente para protexer ao traballador. O sentir xeral resúmese nunha frase: "queremos que nos deixen facer o noso traballo", insiste Marta Dorribo, que pon o exemplo das intervencións dos equipos de emerxencias: "somos conscientes de que as situacións son complicadas, as ambulancias antes de trasladar teñen que asistir ao paciente e isto hai moita xente que non o entende, non é só transporte... ás veces pídennos rápido rápido... que se vaia a ambulancia ao hospital, pero si non facemos algunhas cousas, o paciente non vai chegar", insiste." Con esta lei, que entrará en vigor en breve, Galicia pon en marcha novas ferramentas, incluíndo un rexistro único de agresións, para medir a eficacia das medidas e tentar reverter unha curva que non deixou de medrar dende "2009, cando se creou o Observatoiro Nacional co asasinato de María Eugenia en Murcia", lembra dende o Colexio de Médicos de Ourense José Manuel Bendaña. A reforma da Lei de saúde foi aprobada polo Parlamento galego sen votos en contra, só abstecións por parte da bancada nacionalista que botou en falta máis referencias explícitas a falla de recursos como favorecedora das situacións de agresións ao persoal sanitario. " Non hai excusas para ningunha agresión: precisamente se producen contra un medio que, por ser tan valioso, necesitaría de maior respecto", insiste Marnotes.

Go to News Site