Collector
Amanda Álvarez, unha das "Morganas" de Begoña Caamaño: "Bego sempre quixo darlle voz ás mulleres silenciadas" | Collector
Amanda Álvarez, unha das
COPE

Amanda Álvarez, unha das "Morganas" de Begoña Caamaño: "Bego sempre quixo darlle voz ás mulleres silenciadas"

O Salón Teatro de Santiago  acolle este luns 27 de abril a presentación do documental das Letras Galegas 2026, "Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul", que fai un achegamento literario e vital á autora á que se lle adica o Día das Letras Galegas este ano. "Os primeiros días, cando vía o gravado de Bego nas marquesiñas ou nos autobuses... eu que vou conducindo detrás, sí que che da un volco o corazón, porque penso que vou chegar á casa, vou coller o teléfono, vouna chamar e imos quedar a tomar un viño. Logo daste conta de que, en fin... iso xa non é posible". A que fala é Amanda Álvarez, unas das amigas que aparece no documental elaborado pola Real Academia Galega e que pasou tamén por COPE Galicia para compartir as súas lembranzas sobre o seu "faro", como define á autora para "a tropa" que comezou a formarse en Vigo, onde naceu Begoña en 1964 e, canda outras profesionais como Amanda, principiou a exercer o xornalismo. Amanda lembra cando comezaron xuntas en Radio Noroeste: "estivemos traballando xuntas dende 1985 ata o 87, cando a chamaron para os servizos informativos de COPE, posteriormente na Radio Galega, e logo tralas oposicións veu para Santiago, para os estudos centrais. Nos diciamos ´somos a Tropa´porque as redaccións estaba nutridas fundamentalmente por mulleres e tiñamos unha relación moi intensa entre todas". Amanda Álvarez lembra que Begoña non era moito de compartir o que escribía: "moitas mulleres teñen o síndrome da impostora, e ela dicía ´non sei si publicar isto, porque non sei..." Afortunadamente, sí publicou, logo de facer unha revisión da mitoloxía que tanto lle gustaba: "comezou con Circe e logo con Morgana, porque ela dicía que xa estaba ben de escoitar só as voces dos heroes".  Despois de séculos de seren personaxes secundarias, en Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle  , calan Ulises e Merlín e son elas as que contan a historia. "Pretendía pechar ese círculo con Sherezade, e penso que a partir de aí teriamos outro tipo de escritora", salienta Amanda. Pero un cancro deixou á relatora das Mil e unha noites  sen a voz que lle ía dar Begoña, que faleceu con apenas 50 anos. ¿Que pensaría Begoña de estar fitando para nós neste 2026 adicado a ela? Non me resisto a lanzarlle a pregunta a Amanda, que seica o ten claro: cre que estaría contenta pero tamén " un pouco enfadada coas súas amigas dicindo ...´pero que estades dicindo de min, pero e que eu non son así... e que tedes unha imaxe de min que non ...´crítica, hipercrítica como era ela, e combativa sobre todo". Máis claro aínda, o recordo que garda dela ao pechar os ollos: " de festa... porque era unha muller moi divertida, brillante ocurrente... naquelas conversas infinitas que tiñamos. É o que máis boto de menos", confesa. A Real Academia Galega principiou en 2021, o ano adicado a Xela Arias, a elaboración de documentais sobre a personaxe homenaxeada no Día das Letras. Nesta ocasión, Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez  encargáronse da dirección e o guión da peza na que se fai un achegamento á figura de Begoña Caamaño a partir do relato de persoas do seu círculo máis próximo, pero tamén cunha interpretación dalgún fragmento da súa obra. Na praia de Barra (Cangas de Morrazo), a fraga de Catasós e a serra do Candán (Lalín),  Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, dan vida a algún momento de  Circe ou o pracer do azul ou levan á escena a Sherezade, a narradora coa que Begoña Caamaño proxectaba pechar a  súa revisión á mitoloxía clásica.  Noutro momento do documental, a voz da propia autora acompaña un baile de Morgana, interpretado pola artista Elsa Pereira, mentres as nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo, lévannos a episodios da infancia de Begoña.

Go to News Site