COPE
A Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas estarán listos en prazo para amosar a súa mellor imaxe antes do verán. Segundo confirmou en COPE o tenente de alcalde Manuel Fariña a maior parte do plan de traballo está xa executado ou pendente unicamente de xustificación. Musealización, enerxía fotovoltaica e accesibilidade Tamén está rematado e entregado o proxecto turístico, que define unha musealización potente para poñer en valor este espazo natural. A instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o conxunto xa está executada, quedando só pendentes os trámites burocráticos para legalizar as conexións, así como a colocación do ascensor que mellorará a accesibilidade no centro de visitantes. Paralelamente, está en marcha a redacción do proxecto de publicidade, que inclúe a creación de logotipos, lemas e a recollida de recursos e materiais para difundir o novo Museo 24/7 mediante accións de comunicación e iniciativa social. Centro de visitantes e experiencia inmersiva do Museo 24/7 Nestes momentos está xa iniciado o traballo de creación do novo centro de visitantes e da experiencia inmersiva exterior do Museo 24/7 da Carballeira e do Xardín Botánico, a cargo da empresa Invelon Technologies. A firma catalá leva xa varios días traballando para converter o Auditorio nun espazo interpretativo diferencial que se configure como referente do turismo intelixente e automatizado. Un antes e un despois para Caldas O tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, afirma que a rehabilitación do Botánico e da Carballeira suporá un antes e un despois para Caldas como municipio e, en particular, para o BIC, tanto en materia de calidade como de potencial aproveitamento turístico. «A reforma da Carballeira é un deses proxectos fundamentais e decisivos que fan historia. A veciñanza de Caldas vai estar orgullosa do resultado e de como nos vai poñer no mapa», subliña o nacionalista.
Go to News Site