Collector
O BNG chama desde Lugo a frear a militarización e a "cultura da guerra" | Collector
O BNG chama desde Lugo a frear a militarización e a
COPE

O BNG chama desde Lugo a frear a militarización e a "cultura da guerra"

O BNG presentou este mércores en Lugo a campaña "Na Galiza: paz, soberanía e dereitos". No acto participaron a secretaria nacional de Organización do BNG, Lucía López, e o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gavilanes, xunto a membros dos Consellos Comarcais da Mariña, Lugo Centro e Lugo Sul. López advertiu sobre a "crecente militarización da vida pública" impulsada polo Estado e a Xunta, denunciando unha ofensiva para "normalizar o militarismo e introducir a cultura da guerra na sociedade galega". A dirixente nacionalista sinalou que o contexto internacional, marcado por "unha dinámica da guerra impulsada pola OTAN e polos Estados Unidos moi perigosa", ten consecuencias directas na Galiza, como "o aumento dos prezos e a carestía da vida!. López criticou o incremento do gasto militar por parte do Estado e da Xunta, que puxo en marcha unha "Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo" coa que busca mobilizar máis de 900 millóns de euros para o sector. "Estamos falando de centos de millóns de euros públicos para alimentar a industria militar mentres continúan sen resolverse problemas gravísimos en sanidade, vivenda ou dependencia", afirmou López, quen tamén denunciou a presenza de actividades militares en espazos públicos e educativos. En referencia aos actos da Garda Real nas comarcas de Lugo, Lucía López asegurou que "é intolerábel utilizar crianzas para campañas de propaganda militar e de branqueamento da monarquía española". Pola súa banda, Artai Gavilanes cualificou a visita como unha operación "para facer propaganda ideolóxica, enaltecer o españolismo e reforzar a idea de sacrosanta unidade do Estado español". Gavilanes denunciou o uso da infancia e da mocidade para "normalizar entre a xente máis nova o militarismo" e foi contundente: "Non van empregar á mocidade galega como carne de canón para as súas guerras". Reivindicou ademais o compromiso de Galiza Nova co antimilitarismo e o antiimperialismo, asegurando que "o exército español e a monarquía son os dous piares que garanten a opresión nacional ao noso pobo". O BNG reiterou a súa petición de cancelación do desfile militar previsto en Vigo para o 30 de maio e fixo un chamamento á participación na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galiza pola Paz. A campaña "Na Galiza: paz, soberanía e dereitos" continuará con máis actos polo país, incluíndo un faladoiro este mércores ás 19:30 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra de Lugo, coa participación de Bieito Lobeira e Olalla Rodil.

Go to News Site