Cope Zaragoza
Rufo imperial, galera, peixe cinta... son algúns dos nomes que empezan a compartir espazo nas peixerías a carón de clásicos como o rapante, xurel, pescada, maragota... ¿Que hai detrás destas novas caras nos lineais do súper? A resposta non está nunha única causa, senón nun conxunto de factores que están a transformar o ecosistema mariño e tamén, o mercado. Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, sinala tres grandes razóns: a globalización do produto pesqueiro como calquera outro, a valorización de especies que antes non se aproveitaban para o consumo e, de forma destacada, o cambio climático. Un dos principais motivos da chegada destes novos produtos a prazas e supermercados é que especies que nunca tiveran valor comercial, agora comezan a telo. Otero explica que antes o consumo estaba moi limitado: "eramos de sota, cabalo e rei: unha pescada, un xurelo, un pinto, un congro, unha maragota, un rape... e de aí non se saía". Agora, en cambio, investígase e experiméntase máis, e a xente demanda outras cousas. Este cambio de mentalidade permitiu darlle unha oportunidade a peixes como a boga, que hai uns anos "non a quería ninguén" e hoxe é considerada un "peixe delicioso". O mesmo acontece con outras especies que antes formaban parte da "morralla para facer caldo", como a galera, que agora se vende como unha especie valorizada. Otero tamén menciona o papel dos cociñeiros, que "cada vez sacan máis proveito de calquera cousa". O cambio climático é, segundo Otero, o factor máis preocupante e o que introduce unha maior incerteza. O quecemento da auga está a provocar un "movemento nas especies", alterando as tempadas de captura e a distribución xeográfica. "En case todas as especies se nota", afirma. Un exemplo claro é a xarda, cuxa captura se complicou nos últimos anos, ou o polbo, que escasea en Galicia mentres "invade" as costas da Bretaña francesa e Inglaterra. Pola contra, outras especies son agora máis habituais. "Antes era pouco habitual pescar corvinas e agora sí, antes era moi difícil ver atún vermello e agora é moito máis habitual velo polos nosos mares", detalla Otero. Mesmo a tempada do bonito adiantouse, coa primeira descarga rexistrada "14 ou 15 días antes" do habitual. Este novo escenario obriga ao sector a cambiar os sistemas de traballo e adaptarse a novas profundidades e especies. Lembra que un compañeiro da zona do Mediterráneo lle comentou que "por primeira vez, o que lle ensinaran seu pai e seu avó empezaba a non servirlle, porque as especies que antes estaban a unha profundidade agora están a outra..." A pesar da preocupación, Basilio Otero lanza unha mensaxe de tranquilidade, asegurando que os recursos non están en perigo de extinción, senón en transformación. "O recurso non se acaba, o recurso cambia. Desaparecen unhas especies e veñen outras", sentenza. Subliña que os mariñeiros son "os primeiros interesados en coidar os recursos e loitar pola sostibilidade e contra a pesca ilegal". Rafael Bañón, biólogo no Centro Oceanográfico de Vigo, contounos en COPE Galicia que dende 1945 ata a actualidade vimos incorporando con máis ou menos abundancia arredor de 50 novas especies ao noso litoral, boa parte delas, que fuxían do quecemento das súas augas . "Cada especie ten un rango de temperatura no que habita, se ese rango cambia, as especies pódense desprazar. As augas de Galicia eran frías para especies de carácter tropical, especies africanas, que son de augas máis cálidas, pero polo cambio climático as nosas augas xa están no seu rango óptimo de temperatura". Entre as máis recentes e que se ten aclimatado mellor, Bañón cita o Sapo Lusitano, chegado cara a 2018, un peixe máis pequeno que o Peixe Sapo "tradicional": "aínda que na prensa están saíndo noticias de que depreda sobre o choco, os resultados preliminares que temos non indican iso. Aliméntase sobre todo de canguexos", explica o experto. "É unha especie estuarina, non está na costa aberta, está na desembocadura dos ríos e aguanta as augas salobres e ata o de agora é a que se está a reproducir máis rápido". Sobre o seu consumo, Bañón recoñece que o Sapo Lusitano non ten unha carne moi apreciada: "en Andalucía, de onde é nativa esta especie, non é moi apreciada, pero ao haber abundancia, acaba comprándose". Menos frecuente e recén chegada, tamén con familia coñecida é a Sardinella Aurita: "ten un tamañó máis grande que a sardilla, e desa só atopamos cinco exemplares, de momento é so un primeiro rexistro na zona de Malpica. É a última que chegou froito do cambio climático". Bañón lembra que a primeira especie tropical que se detectou en Galicia foi o Peixe porco (Pez Ballesta), en 1945: "foi a pioneira, e tardou uns 57 anos en asentarse, porque aquí temos o fenómeno do afloramento, que mete auga fría profunda que aflora a partir de primavera, e iso amortigua e impide que o cambio climático sexa tan masivo" O biólogo explica que nalgúns casos, as investigacións oceanográficas atópanse novas especies pero noutras, "renoméase" as que estaban mal indentificadas. El mesmo, na costa galega identificou varias: pon o exemplo deo Gaidropsaru Gallaeciae, un peixe de pequeno tamaño que apareceu no Banco de Galicia e tamén nas costas de Irlanda. ¿E como se nomean as novas especies? Bañón explica que nalgún caso ten pensado en compañeiros seus, poñéndolle un apelido ao peixe que homenaxea a estas persoas (caso do Neoscopelus Serranoi). Gallaeciae, máis obvio, fai referencia á zona onde foi atopada. O nome comercial, xa é outro cantar: "non hai criterio determinado, normalmente pónselle un nome derivado do grupo ao que pertence... merluza rosada, negra... vaixe xogando con iso". No Boletín Oficial do Estado recóllense despois as denominacións: "a listaxe agora é de máis de catrocentas", sinala Rafael Bañón.
Go to News Site