Collector
O Concello homenaxea ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB | Collector
O Concello homenaxea ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB
Cope Zaragoza

O Concello homenaxea ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB

O Concello da Coruña rendeu este luns homenaxe ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB nun acto institucional celebrado no Salón de Sesións do Palacio Municipal e presidido pola alcaldesa, Inés Rey. Na recepción participaron tamén o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o presidente do club, Pablo de Amallo; o adestrador, Carles Marco; os capitáns Didac Cuevas e Guillem Jou; así como integrantes da plantilla, do corpo técnico e da xunta directiva da entidade. Durante a súa intervención, a alcaldesa trasladou os parabéns da cidade a todas as persoas que forman parte do proxecto deportivo do Leyma Básquet Coruña e destacou o valor dun ascenso que cualificou como “histórico” para o deporte coruñés. “Conseguistes algo co que esta cidade levaba anos soñando. Ninguén poderá quitarvos nunca o mérito de devolver ao Leyma Básquet Coruña á ACB”, sinalou Rey, que agradeceu o traballo realizado pola plantilla, o corpo técnico, o persoal do club e a súa directiva. A rexedora destacou tamén a capacidade do equipo para conectar coa cidadanía e converterse nun referente deportivo e social para a cidade. Neste sentido, sinalou que “o éxito do Leyma Básquet Coruña é tamén o éxito da Coruña”, xa que o club leva o nome da cidade por toda España e contribuíu a que milleiros de coruñeses e coruñesas volvan sentirse identificados, ilusionados e orgullosos do seu equipo. Inés Rey aproveitou ademais a recepción para poñer en valor o momento que vive o deporte coruñés. “Hoxe A Coruña está de moda grazas ao deporte”, afirmou a alcaldesa, que destacou que toda España fala dunha cidade que contará cun equipo na máxima categoría do fútbol e cun equipo na máxima categoría do baloncesto. A alcaldesa subliñou que o ascenso do Leyma Básquet Coruña forma parte dun momento especialmente positivo para o deporte local e destacou o papel dos clubs coruñeses na proxección exterior da cidade. Neste sentido, trasladou tamén os seus mellores desexos ao Hockey Club Liceo de cara aos seus vindeiros compromisos deportivos. O acto concluíu coa entrega dunha reprodución da Torre de Hércules de Sargadelos ao presidente do Leyma Básquet Coruña, Pablo de Amallo, como lembranza institucional deste ascenso, e cunha fotografía de familia de todos os participantes no Salón de Sesións de María Pita.

Go to News Site